Faro Roncudo Percebeiro cabo Roncudo Cabo Roncudo Cruces do Roncudo Porto de Corme Corme nevado, 1956 Vistas Dunas da Barra Litoral Niñóns e porto de Santa Mariña. Vista aérea Praia de Ninóns Ponteceso de noite

Os Camiños do Mar

"Ponteceso. Os Camiños do Mar" pretende recuperar e poñer en valor o tecido inmaterial vencellado á contorna mariñeira do municipio de Ponteceso (Costa da Morte – Galicia). O cabo Roncudo, o dos míticos percebes; a vila de Corme coa súa historia pesqueira con raíces na mariña mercante e na cabotaxe; a praia de Balarés, onde estivo a mítica mina de Titania e se forxou parte do patrimonio industrial do municipio xunto cos serradoiros e as areeiras da ribeira do río Anllóns. Este, o río da comarca de Bergantiños desemboca neste esteiro ao que cantou o poeta do Rexurdimento galego (s. XIX), Eduardo Pondal, xerando un rico espazo intermareal natural protexido por figuras coma o LIC (Lugar de Interese Comunitario) da Rede Natura 2000 e ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves). Segundo as súas augas doces van saboreando a salitre do océano Atlántico dando forma á ría de Corme e Laxe, o mesmo mar será a nosa porta natural de saída ao mundo. 

Dous sendeiros sinalizados guiarán ao camiñante por esta viaxe a través da ribeira e da beiramar de Ponteceso coa vantaxe de que, ademais, estará deixando a súa pegada nas dúas primeiras rutas 2.0 da comarca da Costa da Morte. Ao longo do percorrido atopará 30 códigos QR para consultar no mesmo momento cun Smartphone información de interese.

Ribeira de Ponteceso


Todas as actuacións enmarcadas na iniciativa  "Ponteceso. Os Camiños do Mar" están baseadas no aproveitamento dos recursos naturais e patrimoniais de forma sostible, evitando a creación de novas infraestructuras e potenciando a recuperación das existentes en harmonía co seu contexto e as novas necesidades da sociedade utilizando as novas tecnoloxías como canal de comunicación. Pero ante todo, "Ponteceso. Os Camiños do Mar" quere fomentar o respecto e o contacto coa natureza, o patrimonio inmaterial, os lugares de interese e promover actividades saudables entre os futuros participantes e/ou beneficiarios deste programa.

Por iso, esta é unha iniciativa enmarcada no turismo, pero con vertentes claras como a saúde (a actividade deportiva de practicar sendeirismo), a educación (coa posibilidade de interpretar o patrimonio, a natureza, o río, o mar, o marisqueo), a cultura (relación con Eduardo Pondal, poeta nacido en Ponteceso) e a historia (Titania, Pedra da Serpe, illa da Estrela, a cultura mariñeira (a figura do ilustre mariño Mourelle de la Rúa –enterrado no panteón de mariños ilustres en Cádiz-, descubridor de illas no Pacífico e un dos exploradores máis célebres da historia naval de España). Esta transversalidade tamén se dá con outros exemplos coma a conservación da cultura de profesións relacionadas co mar (percebeiros, anguleiros, areeiros do Anllóns, mariñeiros, cabotaxe).

A iniciativa "Ponteceso. Os Camiños do Mar" é unha acción de dinamización turística promovida polo Concello de Ponteceso (A Coruña) e cofinanciada polo Fondo Europeo de Pesca, a Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, a través do Grupo de Acción Costeira zona 3 - Costa da Morte (GAC 3).

  • GAC 3 Costa da Morte
  • Fondo Europeo de Pesca
  • Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
  • Consellería do Medio Rural e do Mar
  • Web municipal Ponteceso
© 2012 Ponteceso. Os Camiños do Mar