O de percebeiro é, posiblemente, o máis emblemático e, ao tempo, arriscado de todos os traballos que se fan na Costa da Morte. Un marisco moi prezado que no litoral de Ponteceso se extrae en cinco zonas moi batidas polo mar: o coñecido cabo Roncudo, A Percebellosa, As Rosas, A Grabiela e O Canteiro.
Da mestura das augas doces do río Anllóns coas salgadas da ría de Corme e de Laxe podemos saborear un manxar con nome propio: os berberechos do Anllóns. Ata hai uns anos, só se necesitaba un trueiro, una lanterna e moita paciencia para coller outra delicia chegada do Mar dos Sargazos, as angulas.
Moitas son as voces que poden falar do presente e do futuro do mar de Ponteceso. Tamén hai outras que nos falan dun pasado non tan afastado no que destaca un explorador cormelán nos Mares do Sur, a tradición da cabotaxe ou a intensidade do tráfico comercial que fluía desde ultramar polo esteiro do Anllóns.
A carón dun mar inspirador naceu o proxecto da Fundación Torre-Pujales, Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte no que se pode ver, e sorprenderse, cunha completa colección donada por artistas internacionais de recoñecido prestixio que pasan estadías en Corme e cos cadros de Julio Pujales.
Ampliar información