A orixe do topónimo de Ponteceso vén do nome do río Anllóns que desemboca neste este esteiro e que ata a Idade Media se chamou “Zeso”. Ponteceso é a capital municipal do concello e, xunto con Corme, son os núcleos de poboación máis importantes do territorio. É ademais punto de inicio das dúas rutas integradas na iniciativa de dinamización turística “Ponteceso. Os Camiños do Mar”: a ruta Camiño da Ribeira e a ruta Pondaliana. A primera delas está homologada pola Federación Galega de Montañismo co nome PR-G 148 e une a capital municipal con Corme pola ribeira e pola beiramar. A segunda ruta é unha homenaxe ao poeta Eduardo Pondal e percorre varios dos lugares dos que o autor fala na súa obra.
Nos menos de 20 quilómetros de costa que separan Ponteceso da punta do Roncudo atoparás unha perfecta síntese dalgúns dos ecosistemas máis interesantes do litoral atlántico europeo.
Este pequeno tramo de costa, cun nivel de conservación excepcional, permitirache coñecer hábitats e paisaxes orixinais onde tomar leccións de ecoloxía, xeomorfoloxía, zooloxía e botánica, sen esquecer en ningún momento o aproveitamento que o ser humano lle deu a estes lugares, caracterizando á cultura e as relacións económicas locais.
A sostibilidade dos usos que se fan neste tramo de litoral é condición sen a que é imposible entender o uso do mesmo, mesmo séculos antes de que o termo sostibilidade fose acuñado.