Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835 – A Coruña, 1917). Foi un poeta romántico, autor da letra do Himno Galego e mitificador da paisaxe da Costa da Morte. Os pontecesáns dedicáronlle este monolito que tes enfronte de ti e escollido por Isaac Díaz Pardo, polifacético artista e fundador de Cerámicas Sargadelos. O monolito inaugurouse en 1981 nesta mesma situación, aquí, na praza do Recheo de Ponteceso e onda o río Anllóns, a carón do que naceu o poeta. Nunha das súas caras está esculpido o poema “A Campana d´Anllóns”, a primeira obra do bardo en galego aparecido en 1861. O celtismo foi o sustrato ideolóxico de Pondal: o seu soño era ser sepultado nun dolmen, a xeito dos seus héroes literarios, Gundar e Gondomil. A súa tumba atópase no cemiteiro coruñés de San Amaro, ao lado da de Curros Enríquez.
Os seguintes catorce monolitos que atoparás na ruta Pondaliana guiarante no camiño ata o alto do monte Branco; un mirador natural e privilexiado para ver a entrada da ría de Corme e Laxe no esteiro do río Anllóns. Para non perderte, só tes que fixarte na cara do poeta. Alí a onde se dirixa a súa mirada, alí terás que ir ti.